(GALEGO) 2 DE OUTUBRO – DIA INTERNACIONAL DA NON VIOLENCIA

COMMENTARY ARCHIVES, 6 Oct 2008

Manuel Dios Diz, presidente, Seminario Galego de Educaci?n para a Paz

    Foi precisamente un 2 de Outubro de 1869, en Porbandar, na India, cando vía a luz o que pasa por ser o pacifista contemporáneo máis recoñecido, Mohandas Karamchad Gandhi. Por iso, a Asemblea Xeral de Nacións Unidas proclamou, en xuño pasado, que nesa data, cada ano, conmemorásemos o Día Internacional da Non Violencia.
    
        O pensamento non violento ten unha moi dilatada tradición histórica. Nel aséntase un dos piares fundamentais da Educación para a Paz, probablemente, o seu primeiro referente, xunto coa Pedagoxía máis anovadora , aquela que vai desde a chamada Escola Nova (María Montessori, Bovet, Dewey, entre outros), pasando pola Escola Moderna que tanto debe ó catalán Ferrer i Guardia, ou á Escola Cooperativa de Celestín Freinet e as extraordinarias aportacións -máis recentes- do máximo representante da Pedagoxía da Liberación, o brasileiro, Paulo Freire.

Non podemos esquecer a labor realizada polas institucións supranacionais, especialmente a ONU e a UNESCO e as achegas da Investigación para a Paz (Johan Galtung, Betty Reardon, sobre todo) e os exemplos vivos, entre os cales, Desmond Tutu e, sobre todo, Nelson Mandela, ocupan lugares preeminentes.
    
Pero a tradición da non violencia, como dixemos, ten na antigüidade referentes moi relevantes. Quizais sexa o jainismo e Mahavir (ou Mahavira), contemporáneo de Buda, no século VI a.d.C. o precedente máis significativo si temos en conta que os jainistas son os que introducen, precisamente, o concepto de ahimsa (non violencia e respecto pola vida), que tamén fan súa o hinduísmo e o budismo, aínda que algunhas fontes citan a súa orixe en remotas escrituras hindús (Upanishads) do século IX a.d.C. Esta tradición non violenta terá na antigüidade, como sabemos, outros referentes, entre os cales, Xesús de Nazaret, ocupa, sen dúbida, un lugar sobranceiro.

    Pero sen necesidade de remontarnos tan alá, Gandhi (1869-1948), é o que mellor representa a tradición non violenta e a loita pacífica na contemporaneidade. Xunto con todo o pensamento e a acción política vinculada ás demandas polos dereitos civís nos EE.UU. da man de Martin Luther King e o movemento da obxección de conciencia ó servizo militar e ó belicismo en todo o mundo. Estas son tamén as bases dun movemento social cada vez máis influínte como é o pacifismo.

    Froito da súa crecente influencia non son só os grandes cambios producidos nas nosas sociedades, e nas nosas mentes, en relación coa guerra, os exércitos e a violencia, senón os avances lexislativos acadados tanto no ámbito internacional como no local. Baste citar algunhas das últimas grandes Declaracións de Nacións Unidas como son a da Cultura da Paz (1999) promovida por Federico Mayor Zaragoza, o Manifesto 2000 dos Premios Nobel da Paz, e a proclamación do Decenio 2001-2010 como o da Cultura da Paz e a non violencia para tódolos nenos e nenas do mundo. Ou a Declaración do Milenio e os seus grandes Obxectivos para erradicar a miseria e a fame ou o programa da Alianza de Civilizacións.

    E no ámbito lexislativo e máis doméstico a Lei catalá de fomento da paz de 2003 ou a Lei española de fomento da educación e a cultura da paz de 2005.

    Pero a violencia segue, tanto a violencia directa (coa muller, co outro, co diferente, co distinto…), como a estrutural, aquela que está directamente relacionada coa inxustiza, e a violencia cultural, a imposición do uniformismo, e a violencia simbólica, coa que se pretende banalizar e naturalizar a forza e a imposición. E a violencia co medio ambiente… Por iso temos que continuar construíndo Cultura de Paz, cada día, con nós mesmos, cos demais, en tódolos ámbitos, sendo fieis a aquel legado da nonviolencia e seguir proclamando, coa carta constituínte da ONU, que “si é na mente dos homes onde nacen as guerras, é na mente dos homes onde temos que erixir os baluartes da paz”.

    E a escola segue a ser un lugar privilexiado para facelo, hoxe, mañá e sempre…

Manuel Dios Diz dirixe a Fundación Cultura de Paz en Galicia.

This article originally appeared on Transcend Media Service (TMS) on 6 Oct 2008.

Anticopyright: Editorials and articles originated on TMS may be freely reprinted, disseminated, translated and used as background material, provided an acknowledgement and link to the source, TMS: (GALEGO) 2 DE OUTUBRO – DIA INTERNACIONAL DA NON VIOLENCIA, is included. Thank you.

If you enjoyed this article, please donate to TMS to join the growing list of TMS Supporters.

Share this article:

Creative Commons License
This work is licensed under a CC BY-NC 4.0 License.

Comments are closed.