(GALEGO) NO 60 ANIVERSARIO DA DECLARACIÓN UNIVERSAL DOS DEREITOS HUMANOS (1948-2008)

COMMENTARY ARCHIVES, 29 Nov 2008

Manuel Dios Diz

A Declaración Universal dos Dereitos Humanos celebra o vindeiro 10 de Decembro o seu 60 aniversario. O feito de seren estes dereitos  recoñecidos debémolo, en gran medida,  aos milleiros e milleiros de persoas que se sacrificaron e mesmo deron a súa vida por facelos realidade.  

A Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1948 é o resultado dun proceso secular de declaracións de dereitos. O carácter de universalidade e quizás o máis orixinal e salientable desta Declaración do 48,  nacida nun contexto xeopolítico certamente occidental, pero aberta á consideración dunha gran familia humana con dereitos iguais e inalienables, que han fundamentar a libertade,  a xustiza e a paz no mundo.

Unha Declaración perfectible

A Declaración Universal é imperfecta, no sentido de non acabada e, polo mesmo,  perfectible. Debe ser entendida de FORMA DINÁMICA. Non estamos a falar dun código fósil, definitivo.  Os dereitos humanos non son ahistóricos. Son o feliz producto dunha dialéctica, dunha toma de conciencia e iluminación histórica que nos acerca máis e máis á xustiza, á liberdade, e á fraternidade. Non deberiamos  entender os dereitos humanos como  unha caixa de caudais intocable e pechada á inclusión de novos dereitos que iluminen e humanicen aínda máis as nosas relacións.  

Unha práctica mellorable

Nestes últimos 60 anos podemos afirmar que temos mellorado, se ben de maneira moi desigual nos diversos contextos xeopolíticos nos que se moven as persoas e os pobos. Por tal motivo é obrigado prestar atención á dialéctica entre “Declaración” e “Práctica real do declarado”. Lonxe de todo conformismo, debemos verificar o contraste entre o ideal que estes Dereitos representan e a súa deficiente realización histórica, porque a historia dos dereitos humanos é tamén a da súa  continua e sistemática violación.   

A conciencia e memoria destas insuficiencias e contradicións,  móvenos a seguir impulsando este proceso de humanización que entraña a realización dos Dereitos Humanos; humanización que temos que defender por canto os Dereitos Humanos esmorecen sen a decidida vontade de defendelos. Defender  e  denunciar, porque  as  violacións de dereitos no ano 2008 seguen a ser unha lamentable realidade que se  está a producir nos diversos continentes e culturas, nos diversos Estados, non só os gobernados por rexímenes autoritarios e ditatoriais senón tamén nas  chamadas democracias formais.

Basta repasar o “Estado do Mundo” nos anuarios económicos e xeopolíticos dos últimos anos, os os Informes de Amnistía Internacional para constatar a penosa situación na que viven millóns de seres humanos que deberían ser, e non son, beneficiarios de dereitos. As Nacións Unidas, as diversas ONGs, os sindicatos…,  non deixan de mostrar a súa crecente preocupación diante dos efectos provocados por unha orde económica internacional inxusta. A desigualdade da división social do traballo, do acceso á tecnoloxía, o inxusto reparto dos beneficios como consecuencia das actuais estruturas de intercambio e das inversións, etc., son mostras ben coñecidas desta inxusta situación.

Queda moito camiño por andar neste proceso de humanización. Para as persoas e pobos empobrecidos, conseguir o que para as persoas e pobos privilexiados é xa unha realidade disfrutada en maior ou menor grao, como son os dereitos políticos, económicos e sociais. O tópico da “igualdade de oportunidades” está moi lonxe de ser unha realidade, mesmo nos réximes de democracia avanzada. As demandas dos sectores máis desfavorecidos non gozan das prioridades de moitos gobernos. No peor dos casos, hai gobernos que fan do poder un servizo case exclusivo para grupos minoritarios –oligárquicos- , impedindo o control popular da súa xestión. Gobernos  que “normalizan” a represión, a limpeza étnica, a discriminación racial e de xénero, o terrorismo de Estado e outras atrocidades.

Unha protección máis efectiva

Na nosa iniciativa 2008 queremos manifestar o desexo de que a realización e protección dos Dereitos Humanos sexa cada vez máis efectiva. Neste sentido precisamos, tanto a nivel nacional como internacional, dunhas institucións políticas e dun sistema xudicial que favorezan e non entorpezan a realización e gozo dos dereitos. Porque é moi triste recoñecer que mentres, a escala mundial, o respecto ós dereitos humanos é aínda moi baixo, o nivel de impunidade para os violadores de dereitos é moi alto. Por  tal razón apoiamos a idea da Xustiza Universal coa vixencia dun Tribunal Penal Internacional.

Unha progresiva ampliación dos Dereitos

Desexamos tamén a progresiva ampliación do concepto de Dereitos Humanos como incluír o Dereito Humano á Paz, por exemplo, ou o recoñecemento dos chamados Dereitos de Solidariedade. Si os dereitos individuais e políticos corresponden a primeira xeración de dereitos, os económicos e sociais, á segunda, os ambientais á terceira, fálase xa dunha cuarta xeración para os asuntos relacionados coa ciencia, a tecnoloxía e as comunicacións. Ademais pensamos como apremiante:

Declarar Patrimonio Común da Humanidade os recursos alimentarios de base.

A consecución dun Desarme xeneralizado, dedicando os recursos dos gastos militares para axuda aos países e grupos sociais empobrecidos e marxinados (Declaración e Programa de Acción da ONU sobre a Cultura da Paz).

Dedicación dun mínimo 0,7 % do PIB como axuda os países empobrecidos  e cumprir os prazos dos Obxectivos do Milenio a escala mundial.

Todas as persoas debemos seguir facendo camiños de utopía, o que  significa seguir demandando maiores cotas de liberdade e xustiza, por acadar un máis e profundo nivel de conciencia solidaria, intercultural e ecolóxica. Seguir facendo camiños de utopía significa a superación dos etnocentrismos pechados e excluíntes,  que enfrontan ás persoas e aos pobos, significa a superación do que Amin Maalouf chama  as “identidades asasinas”.

Por último queremos destacar tres violacións de dereitos humanos que, por desgraza, teñen máis tráxica actualidade:

    1ª.-  A TORTURA. Chégase mesmo a falar de “tortura de baixa intensidade” como resposta fronte ao terrorismo,  que se realiza en cárceres especializadas, de sobra coñecidas.

    2ª.-  A VIOLENCIA DE XÉNERO. Temos que propoñer e defender un modelo de sociedade que parta da equiparación dos sexos, e que reduza e mesmo chegue a eliminar a violencia contra as mulleres, con resultado de morte.

    3ª.-  A INMIGRACIÓN. Un fenómeno complexo que resulta do dereito á libre circulación, para saír do propio país, pero tamén para entrar no outro, combinado co dereito á vida, a saúde e a dignidade. Tratalo co máximo respecto e intensidade política  é unha obriga de solidariedade e de xustiza.  

PROGRAMA DE ACTIVIDADES

·    Edición e distribución a tódolos colexios, concellos, entidades… do cartel e do tríptico conmemorativo.

·    Reedición do Minilibro sobre os Dereitos Humanos e os Dereitos de Nenos e Nenas.

·    Ciclo de charlas e conferencias (ó longo do curso).

·    Cursos de formación do profesorado sobre a pedagoxía dos dereitos humanos (ó longo do curso).

·    Foro Social Galego
(5,6 e 7 de Decembro) en Santiago de Compostela. Mesa de Debate: “Cidadanía, Dereitos Humanos e Gobernanza Planetaria”.

·    Acto conmemorativo o 9 de Decembro no Consello da Cultura Galega coa intervención de D. Federico Mayor Zaragoza.

·    Actos en colaboración coa Iniciativa polos Dereitos Humanos
(Día 10, ás 19:00 horas no Salón de Actos de Filosofía (Praza de Mazarelos)

·    Campaña do Día Escolar pola Paz sobre a pedagoxía dos dereitos humanos.

·    XXIV Encontros de Educación para a Paz en Santiago de Compostela (12, 13 e 14 de Marzo): “A pedagoxía dos dereitos humanos como base da convivencia cidadá”.

Espazo web específico en www.sgep.org sobre o 60 Aniversario da Declaración con materiais, bibliografía, videos, unidades didácticas…
_______________________________

Manuel Dios Diz, mestre, licenciado en Xeografía e Historia pola USC. Preside o Seminario Galego de Educación para a Paz.

This article originally appeared on Transcend Media Service (TMS) on 29 Nov 2008.

Anticopyright: Editorials and articles originated on TMS may be freely reprinted, disseminated, translated and used as background material, provided an acknowledgement and link to the source, TMS: (GALEGO) NO 60 ANIVERSARIO DA DECLARACIÓN UNIVERSAL DOS DEREITOS HUMANOS (1948-2008), is included. Thank you.

If you enjoyed this article, please donate to TMS to join the growing list of TMS Supporters.

Share this article:

Creative Commons License
This work is licensed under a CC BY-NC 4.0 License.

Comments are closed.