(Galego) Acoso Escolar, Maltrato entre Iguais, Bulling
CONFLICT RESOLUTION - MEDIATION, EUROPE, JUSTICE, EDUCATION, ORIGINAL LANGUAGES, 13 May 2013
Manuel Dios Diz – TRANSCEND Media Service
Con certa frecuencia saltan ós medios de comunicación casos cualificados, con maior ou menor acerto, como de acoso escolar que producen alarma entre a comunidade educativa e na cidadanía. Mesmo, en ocasións, contribúen a dar unha imaxe distorsionada do que acontece nos centros de ensino. Compre reiterar que no contexto xeral da cantidade de alumnos e alumnas que acoden ós colexios e institutos, cada día, en Galicia, case que 400.000, o número de casos detectados de acoso son mínimos, aspecto que non consola, obviamente, a un pai ou a unha nai afectada. Moito menos á vítima. Tampouco ó profesorado.
Na publicitación máxima de “sucesos” e “incidentes” escolares, cualificados, todos eles, como de “acoso” existen moitos intereses. Cando se refiren a centros públicos e ignoran o que acontece nos privados, resultan evidentes e non merecen maior comentario. O interese comercial dalgúns medios, hipnotizados polo amarelismo e por facer caixa, tamén está bastante claro. A culpabilización do profesorado, cualificado de incapaz para abordar esta problemática, tampouco é nova. Menos claros son outros intereses como, por exemplo, darlle un papel principal á policía nacional ou á garda civil á hora de informar ou formar ó alumnado sobre o acoso, o ciberbulling, ou sobre os usos e perigos das redes sociais…, unha moda que ven estendéndose como si fose algo espontáneo e natural. Parecera como que, para algúns, non existan saberes e fontes rigorosas no ámbito civil, académico ou non gobernamental para tratar estes asuntos nun centro de ensino.
Falamos menos doutros intereses poderosos, por exemplo, dos farmacéuticos e clínicos que, dunha maneira crecente, tratan ó alumnado con fármacos diversos para síndromes cualificados mesmo de “artificiais” por moitos expertos, entre eles, o de hiperactividade. Ou os das clínicas, gabinetes psicolóxicos ou psiquiátricos que veñen proliferando para tratar, desde esa perspectiva, a conflitividade do alumnado. Polo contrario, doutros factores como a crise, a pobreza, a exclusión, a marxinalidade, a desestructuración familiar ou das violencias no ámbito doméstico, e como inflúen no alumnado e na convivencia escolar, case que nada. Como tampouco dos recortes en educación e sobre como contribúen ó deterioro da convivencia escolar como consecuencia da diminución drástica do profesorado, do aumento progresivo das ratios e a masificación, dos macrocentros escolares, a supresión de axudas á diversidade, servizos complementarios, orientación, titoría, diversificación e adaptación curricular, apoios…
Do traballo inxente e calado que fan os centros educativos, o seu profesorado, para abordar os conflitos, cada día, todos os días, de mediación, a pesares do maltrato que reciben das administracións e dos gobernos, do saqueo nos seus salarios e extras, nas súas condicións laborais, disto, tampouco se fala o suficiente.
Convivir é compartir vivencias xuntos. E a solución ós problemas de convivencia nun centro escolar non poden ser, en ningún caso, retirar ó alumnado agredido da súa aula, cambialo de centro, ou tentar de protexelo e illalo na súa casa. Estas son falsas solucións que, ás veces, propomos, como pais, como profesores, como administración, con toda a boa vontade, pero erradamente.
Para abordar os casos de maltrato entre iguais, vulgarmente coñecidos como acoso ou co seu termo en inglés “bulling”, o primeiro que debemos fomentar nun centro educativo que ten menores ó seu cargo, é a prevención, é dicir, de acordo cun Plan Integral de Mellora da Convivencia Escolar de referencia, como o que temos vixente en Galicia, e activar e desenvolver Plans de Convivencia no propio centro, con protocolos claros de detección precoz e de intervención no seu caso, nos que a Titoría ten, loxicamente, un papel relevante, e con Equipas de Mediación e Tratamento de Conflitos onde colaboren e participen non só o profesorado senón -e sobre todo- o alumnado e tamén, si é posible, os pais e as nais, cunha dirección comprometida e dinámica.
A mellora da convivencia escolar non pode ser un obxectivo educativo só cando aparecen casos ou indicios de acoso ou maltrato. Temos que promovela de maneira sistemática, permanente, na aula e no centro, no patio de recreo e nos corredores, na cafetería, sempre e en todo lugar, na casa e nas familias. Non é posible abordar a prevención do maltrato entre iguais sen a participación activa das familias e, como sabemos, en moitos casos, este eslavón da cadea colaborativa contra o acoso, non existe ou é moi feble. Non está demais lembrar aquí que as violencias, os maltratos, onde máis se producen é, precisamente, no ámbito familiar. Na escola, en moitas ocasións, se reproducen comportamentos vividos e aprendidos na casa. Claro que, ás veces, tamén falla o centro, e o profesorado, como non, por razóns diversas, entre as que destacamos as carencias formativas específicas dos docentes en resolución e tratamento de conflitos nas aulas.
Outro aspecto moi relevante ten que ver coa detección e o diagnóstico. Con frecuencia cualificamos de “acoso escolar” comportamentos e condutas que non o son. A confusión sobre isto ten consecuencias. Si diagnosticamos mal, os remedios e medidas que promovamos poden non ser as máis axeitadas. En moitas ocasións chamamos acoso a condutas disruptivas na aula, actos de indisciplina, unha pelexa, un calentón…, cando si algo caracteriza e distingue ó maltrato é, precisamente, a súa sistematicidade e permanencia no tempo. Ver, descubrir, desvelar a reiteración, a segregación, a persecución, temporalmente dilatada, dun agresor sobre unha vítima, resulta imprescindible para identificar correctamente o bulling. O que non significa, por suposto, que deixemos de penalizar e corrixir aquelas condutas ou comportamentos non sistemáticos citados.
No acoso sempre existe o que coñecemos como “triángulo do maltrato” o que forman o agresor, a vítima e os espectadores. Os tres vértices deste triángulo están integrados por alumnos e alumnas, que son menores e que conviven nun centro escolar. En consecuencia, os tres necesitan tratamento educativo. En primeiro termo, a vítima, á que debemo, antes que nada, protección, axuda, apoio psicolóxico e seguridade. O agresor sería o vértice a separar no seu caso, nunca a vítima, porque a impunidade sempre é a mellor maneira de que o acoso continúe e se reproduza no centro. Por último, os espectadores, o terceiro vértice do triángulo do maltrato, que poden ser activos, os que animan, azozan e protexen ó agresor, ou pasivos, os que simplemente aceptan aquela conduta violenta, calan ou miran para outro lado, por medo ou por complicidade. En calquera caso, como dixemos, os tres vértices deste triángulo do maltrato necesitan intervención, axuda e tratamento educativo. O agresor e os espectadores, ademais, teñen que reparar o dano causado, proporcionalmente.
Os conflitos, nos grupos humanos, nos colexios e institutos, existen, existiron e seguirán a existir, porque somos seres libres, con ilusións, desexos, aspiracións, intereses… distintos, ás veces contraditorios. Por aí empezan os conflitos. Do que se trata é de prevelos, de aprender e manexar técnicas de resolución pacífica, dotar ó alumnado, ó profesorado, ós pais e as nais, de recursos para abordalos con garantías. A conflitividade nas aulas non podemos vela como unha desgraza, como un mal co que temos que convivir resignadamente. Todo o contrario. Como educadores, como educadoras, temos que afrontala conflitividade como un desafío, como un reto, mesmo como unha maneira de medrar autonomamente, de cambiar as cousas en positivo. Para iso necesitamos técnicas, metodoloxías, recursos, experiencias, formación específica, porque non chega coa boa vontade.
Sempre reitero que dedicamos moitas horas, días, meses, anos, á ensinarlle ó alumnado a resolver complexos problemas matemáticos, físicos, químicos… pero a penas minutos a ensinarlles a resolver os seus propios problemas, os de relación entre iguais, aqueles que atoparán, con maior frecuencia, nas súas vidas. E para isto, a educación afectivo emocional resulta imprescindible, na casa e na escola. Son os afectos e os sentimentos, os mellores antídotos contra das violencias. E os cambios curriculares e metodolóxicos, o currículum da nonviolencia e o traballo cooperativo, para desaprender as violencias.
Por último non quixera deixar de mencionar que a responsabilidade última da política de recortes, da falla de formación axeitada, da demolición das estruturas formativas creadas nos últimos anos, do non coñecemento xeralizado das experiencias e boas practicas que existen en Galicia e no Estado, que as hai, do esquecemento e ocultación do Plan Integral de Mellora da Convivencia Escolar de Galicia, do derrube controlado do Observatorio Galego da Convivencia Escolar, ou da desprotección que sinte o profesorado, corresponde, estou canso de dicilo, á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, quen ten as competencias plenas e os instrumentos en materia educativa, así como a máxima obriga de dar solucións políticas ós problemas de convivencia. E a crise, neste caso, non pode ser –tamén- unha escusa para declinar estas responsabilidades. As familias, o profesorado, os centros educativos, teñen as súas. Son as directas, a primeira liña contra dos problemas de convivencia, e o fan como mellor poden, razoablemente ben, dadas as circunstancias. As autoridades educativas, polo contrario, neste asunto, recortan, ocultan, ignoran, improvisan e, en moitas ocasións, dan páos de cego que fan moito dano.
____________________________
Manuel Dios Diz preside o SEMINARIO GALEGO DE EDUCACION PARA A PAZ e forma parte do Observatorio Estatal da Convivencia Escolar no cupo de personalidades de recoñecido prestixio.
This article originally appeared on Transcend Media Service (TMS) on 13 May 2013.
Anticopyright: Editorials and articles originated on TMS may be freely reprinted, disseminated, translated and used as background material, provided an acknowledgement and link to the source, TMS: (Galego) Acoso Escolar, Maltrato entre Iguais, Bulling, is included. Thank you.
If you enjoyed this article, please donate to TMS to join the growing list of TMS Supporters.
This work is licensed under a CC BY-NC 4.0 License.
Read more
Click here to go to the current weekly digest or pick another article:
CONFLICT RESOLUTION - MEDIATION:
- Progress in the Overall Solution of the Middle East Problems
- The Attempts to Resolve the Middle East Problems Comprehensively
- Putin Tells German Leader That Ukraine Peace Deal Possible
EUROPE:
- Brussels Further Damages European Industry by Approving 15th Sanctions Package on Russia
- The End of the EU and Euro
- Trump Will Exploit Fear of Russia to Dominate Europe’s Security Policies, Says Academic Maung Zarni
JUSTICE:
- Meetings at The Hague Reveal Crisis and Turmoil, as State Representatives Grapple with Israeli Warrants
- ICC Application for an Arrest Warrant in the Situation in Bangladesh/Myanmar
- ICC Rejects Israel’s Challenges to Jurisdiction and Issues Arrest Warrants for Benjamin Netanyahu and Yoav Gallant
EDUCATION:
- Universal Peace Education for Justice and Peace, Prevention and Remedy of War
- Peace Education and International Community
- Vedantic Democracy, Education and Peace
ORIGINAL LANGUAGES: