(Galego) Sen Profes Non Hai Escola

EDUCATION, ORIGINAL LANGUAGES, 22 Apr 2013

Manuel Dios Diz – TRANSCEND Media Service

Semana Mundial pola Educación 21 a 28 de Abril

Estamos na Semana Mundial pola Educación (SAME), unha actividade que se enmarca nunha campaña, moito máis ampla, de carácter internacional, na que participan ONGs, sindicatos de educadores, centros escolares e movementos sociais comprometidos co dereito á educación en todo o mundo. De feito, a Campaña Mundial pola Educación (CME) ten como principal obxectivo que todas as persoas poidan exercer o seu dereito a unha educación básica, gratuíta e de calidade. Trátase dun dereito fundamental que, como sabemos, posibilita o pleno exercicio doutros moitos dereitos, xunto co desenvolvemento da comunidade, do país e da humanidade.

Van alá 13 anos desde que se aprobaran os Obxectivos da Educación para todos e todas (EPT) no Foro Mundial de Educación celebrado en Dakar (Senegal) no ano 2000: Estender e mellorar a educación integral da primeira infancia; acadar que no 2015 todos os nenos e nenas teñan acceso a un ensino primario gratuíto e obrigatorio de calidade; que os mozos e mozas accedan a programas de preparación para a vida activa; incrementar nun 50% o número de persoas adultas alfabetizadas, especialmente mulleres; eliminar as disparidades entre os sexos para acadar a igualdade de xénero; e, finalmente, mellorar a calidade da educación, en particular, lectura, escritura, aritmética e habilidades básicas para a vida.

Algúns dos desafíos anteriores reforzáronse ó ser incorporados ós Grandes Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM), aprobados tamén no 2000, aínda que, como sabemos, manifestamente incumpridos.

Con todo, nestes anos temos comprobado como, nos países nos que se fixo un esforzo en educación, os resultados foron sorprendentes, entre eles, que o número de nenas e nenos sen escolarizar na Primaria descendera desde os 106 millóns no ano 1999 ata os 61 millóns en 2010, aínda que necesitemos mellorar moito na equidade.

Hoxe en día, como consecuencia dos recortes e das políticas de austericidio, tanto a UNESCO como a CME alertan da crecente desigualdade social como o principal obstáculo para progresar en educación. O Estado Español é xa o máis desigual de UE na actualidade!!!.

E o ano 2015 está á volta do camiño. Esa era a data tope para a consecución das metas da EPT e dos ODM. Corremos o grave risco de retroceder en moitos dos avances acadados, particularmente, nos países que sofren a estafa financieira, moitos deles doantes.

Un esforzo suplementario por parte da comunidade internacional ata 2015 resulta imprescindible para acadar os obxectivos fixados. O propio Secretario Xeral das Nacións Unidas ven de establecer tres grandes prioridades: que todos os nenos e nenas accedan á primaria universal; a calidade da aprendizaxe e unha cidadanía global, porque a educación é moito máis que a entrada no mercado laboral. Da forma a un futuro sostible, en paz, con respecto mutuo e coidadoso co medio ambiente.

Na última semana do mes de Abril, como nos últimos 13 anos, celebraremos a SAME, nesta ocasión, baixo un lema moi acaído: Sen profes non hai escola. Por un profesorado formado e motivado. Para lembrarlles ás administracións educativas, moi en particular a Jesús Vázquez Abad, a importancia de contar con docentes suficientes (aquí reducimos profes e escolas, aumentamos ratios), con axeitada formación inicial e permanente (aquí liquidamos a estructura de formación do profesorado en servizo), motivados, recoñecidos socialmente (aquí os desprestixiamos), ben remunerados (aquí saqueamos as nóminas e as pagas extras), xa que o persoal docente é o elemento fundamental sen o que non pode exercerse o dereito á educación.

E temos que reiteralo, España e Galicia están tamén a cabeza dos recortes en cooperación en Europa. O goberno de Rajoy diminuíu a máis da metade os fondos destinados a esta política pública. Isto é gravísimo porque as consecuencias sobre a vida de millóns de persoas serán nefastas. Deixaremos de ser actores relevantes da cooperación internacional e incumpriremos múltiples compromisos en materia de cooperación ó desenvolvemento.

En calquera caso, o alumnado, a comunidade educativa en xeral, en cada centro participante, formará grandes nubes de palabras, sobre a silueta dun ou dunha docente, nos que colocaremos as principais calidades, entre outras, que –pensamos-  ten un bo profesor, unha boa profesora: xenerosidade, respecto, cariño, paciencia, vocación, creatividade, motivación, optimismo, esixencia, esforzo, sabedoría, amor, entusiasmo, ilusión, bondade… para logo situalo nun mapa do mundo, no Sur, ou si queredes, no Sur do Norte: Pon ó teu profesorado no mapa.

Para rematar, animamos á participación nesta magnífica iniciativa que, en Galicia, consorciamos cooperativamente diversas ONGs como son: Axuda en Acción, Educación sen Fronteiras, Entreculturas, Intered e o Seminario Galego de Educación para a Paz, porque, efectivamente, sen profes, non hai escola.

________________________

Manuel Dios Diz, mestre e profesor xubilado, preside o Seminario Galego de Educación para a Paz.

This article originally appeared on Transcend Media Service (TMS) on 22 Apr 2013.

Anticopyright: Editorials and articles originated on TMS may be freely reprinted, disseminated, translated and used as background material, provided an acknowledgement and link to the source, TMS: (Galego) Sen Profes Non Hai Escola, is included. Thank you.

If you enjoyed this article, please donate to TMS to join the growing list of TMS Supporters.

Share this article:

Creative Commons License
This work is licensed under a CC BY-NC 4.0 License.

Comments are closed.